A Deputación de Pontevedra e a Ruta Do Viño Rías Baixas, integrada no Clube de Produto das Rutas del Vino de España, organizan conxuntamente a VII Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas. A cita terá lugar o próximo domingo 11 de novembro, coincidindo co Día Europeo do Enoturismo. O obxectivo é achegar á cidadanía as distintas variedades vitivinícolas existentes na denominación de orixe, poñendo en valor os nosos produtos, ao tempo que se pretende reforzar a conciencia cidadá sobre os viños das Rías Baixas, “que identifican ao noso territorio por todo o mundo e que cada vez contan con máis influencia e prestixio”. Así o indicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que presentou esta iniciativa xunto co presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil.

PresentacionCataAmateurRutaVinoRiasBaixas

Unha das principais novidades desta sétima edición da Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas é o cambio de ubicación. A presidenta asegurou que a Deputación non pode máis que sumarse a esta iniciativa, que ata agora se viña celebrando na vila de Cambados, pero que este ano se achega ata Soutomaior, “así que será unha actividade moi especial nun escenario privilexiado”.

O presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil, explicou que a entidade viña organizando esta cata amateur dende 2012 en Cambados “cun éxito sempre cada vez maior, xa que é unha actividade moi divertida, onde a xente goza moito, pasa unha magnífica xornada e coñece algo máis sobre os nosos viños. Vendo este ano como podiamos mellorar esta iniciativa, xurdiu a colaboración coa Deputación e agora vamos facelo nun entorno inigualable. De seguro que vai ser unha cata especialmente boa este ano por todo o espazo que vamos ter arredor”.

CataAmateurRutaVinoRiasBaixasPara facilitar a asistencia a esta cita, ofrecerase un servizo de autobús lanzadeira que partirá das cidades de Pontevedra e Vigo (sairán dende a capela de San Roque, no primeiro caso, e dende o Centro A Laxe, no segundo). O prezo é de 5 euros para quen se achegue en vehículo propio e de 8 euros para aquelas persoas que desexen utilizar o servizo de transporte ao evento. A adquisición de entradas pódese realizar dende hoxe mesmo a través do portal de www.ataquilla.com. As prazas están limitadas a 100 persoas.

Por outra banda, a Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas incorporará música durante a celebración deste consolidado certame. Un DJ amenizará o evento combinando vinilos cos grandes éxitos dos 70 e dos 80 mentres os e as asistentes porán a proba as súas dotes de catadores e catadoras.

A cita finalizará cunha degustación de produtos de empresas asentadas na provincia de Pontevedra. Entre eles, atoparanse as conservas de pescado e mariscos de ANFACO-CECOPESCA, que tamén colabora na posta en marcha deste evento co que se conmemora o Día Europeo do Enoturismo.

Sorteo dun enopack entre acertantes

A actividade comezará ás 10.00 horas cunha visita guiada o Castelo, para despois continuar coa VII Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas, dita cata estará dividida en dúas partes. Na primeira delas, o sumiller José Luis Aragunde encargarase de guiar ás persoas participantes na cata de cinco viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Degustaranse nesta cita arredor de 40 marcas diferentes.

Os e as concursantes deberán apuntar ben as súas impresións, xa que a segunda fase deste certame comprenderá unha cata a cegas de 3 das 5 elaboracións degustadas na primeira fase. Todas aquelas persoas que consigan acertar as referencias presentadas na segunda parte deste concurso levarán cadanseu diploma acreditativos de gañadores e gañadoras desta sétima edición.

Entre as persoas vencedoras, a Ruta do Viño Rías Baixas sorteará un enopack para dúas persoas. Consistirá nunha visita guiada a unha adega e unha degustación que se complementará cun almorzo ou cena nun dos estabelecementos adheridos a esta asociación sen ánimo de lucro.

Deputación de Pontevedra e Ruta do Viño Rías Baixas animan ao público a participar nesta sétima edición da Cata Amateur. Unha cita que harmonizará enoturismo e cultura nunha amena xornada chea de sorpresas.